A Cova da Terra é unha ONG que traballa desde 1995 no eido do comercio xusto, vendendo produtos das cooperativas de países empobrecidos e sensibilizando e formando ás/aos consumidoras/es, e futuras/os consumidoras/es do noso contorno máis próximo. A Cova da Terra pertence como socio fundador á Coordinadora Estatal de Comercio Xusto, abrindo a primeira tenda de comercio xusto de Galicia en Lugo. Desde os comezos un dos obxectivos prioritarios de A Cova da Terra é o de crear conciencia crítica en toda a poboación en xeral e na lucense en particular, sobre o abismo que hoxe en día separa a uns poucos países e persoas do resto, asumi-la responsabilidade que temos niso, para levar a cabo accións que posibiliten o camiño cara a situacións e relacións de xustiza e igualdade entre pobos e persoas. Neste senso estase a realizar un labor serio e razoado das situacións de inxustiza, violencia e ausencia de dereitos humanos, reclamando un sistema de valores éticos que propicien o cambio cara á construción dun mundo diferente. Convidámoste desde este foro para que participes con nós na procura dun mundo mellor para todos e todas. Nesta páxina ofrecémosche as distintas posibilidades existentes no noso local, así coma o calendario de actividades e novas que poderás consultar periodicamente.
|
|||||||