O movemento do Comercio Xusto xurdiu a partir das propias reivindicacións dos países do Sur expresadas nas conferencias mundiais dos anos 60 co lema: “Comercio, non axuda”.
Case que 50 anos despois a situación de desigualdade Norte-Sur non diminúe. As institucións de Bretón Woods e a Organización Mundial do Comercio, lonxe de recoñecer o dereito de toda a humanidade á alimentación e á saúde, impoñen aos estados máis vulnerables políticas de liberalización, privatización e diminución do gasto social. As empresas transnacionais exercen un crecente control sobre a economía internacional, ata o punto de que hoxe en día as 200 empresas máis grandes controlan a cuarta parte dos bens de produción de todo o mundo. A necesidade do sistema capitalista de promover o consumismo, e para elo abaratar o produto final, provoca situacións laborais cada vez máis inxustas, salarios máis baixos e situacións de explotación laboral, ademais da fuxida de moitas empresas do Norte cara a países máis pobres onde a man de obra resulta máis barata. Sen esquecer, ademais, o custe medioambiental de todo este sistema económico absurdo e despilfarrador.
O Comercio Xusto tenta combater as inxustizas do mercado actual introducíndose nel, mais establecendo unha relación diferente entre todos os axentes que participan no proceso, desde os produtores e produtoras, aos que se tenta pagar un prezo xusto e apoialos na súa produción e en aspectos máis xerais de desenvolvemento e soberanía alimentar; seguindo coa cadea de distribución, formada exclusivamente por entidades que apoian e loitan por esta liña de traballo, baseada na non explotación das persoas e o planeta; e rematando nos consumidores e consumidoras, aos que se facilita información das razóns desta loita do movemento do comercio xusto e da importancia da implicación de todas e todos nós na consecución dos seus obxectivos.
Un prezo xusto baséase en:
- cubrir as necesidades vitais dos produtores e produtoras;
- cubrir os custos de produción e distribución, incluídos os custos sociais e medioambientais;
- e permitir unha porcentaxe para reinversión e sustentabilidade.