Lembrádevos que este xoves, día 10, ás 20.00h, proxectarase, no local da Cova da Terra, o documental “The Shock Doctrine” (A Doutrina do Shock) dentro do ciclo de cineforum que A Cova, Mádia Leva e a CIG levan desenvolvendo dende o pasado mes de marzo, e enmarcado nas actividades que estamos a desenvolver ao redor do Día Internacional do Comercio Xusto.
O Día Internacional do Comercio Xusto celebrarase o sábado 12 de maio.
Organizaremos un Mercado Popularna Praza Maior de Lugo a partires das 11 h, e durante todo o día.
Haberá postos de venda de Comercio Xusto, de produtores locais, de artesáns, de degustación, un posto de información sobre Banca Ética e un mercado de troco.
Trátase da construción colectiva dun espazo de intercambio dentro dun comercio alternativo: con prezos xustos, sen intermediarios e baixo unha produción e consumos responsables. Queremos que o día 12 a economía real, a de sempre, a non especulativa nin abusiva, saia á rúa, propoñendo a produtores e consumidores outro xeito de intercambio.